![]() |
| Ilustración de P. J. Lynch na obra The haunted lake (2018) |
Ben sabido é que un dos temas máis férteis e omnipresentes da mitoloxía galega (e un dos nosos preferidos, temos de recoñecer) é o das cidades solagadas, engolidas por lagos, lagoas ou polo mesmísimo mar embravecido nunha soa noite de tempestade. Un tema, ademais, que inzou especialmente por toda a beira atlántica europea, pois conéctanos co imaxinario de territorios como a Bretaña, Irlanda ou Gales. De todos os xeitos, atreveríamonos a dicer que o grau de conservación deste folclore no noso país é sensibelmente maior ao dos nosos viciños de alén Estaca de Bares. Polo menos en termos cuantitativos. De facto, por aí fóra fican bastante chocados cando lles mostramos mapas como o elaborado hai uns anos pola cooperativa MAOS, que recolle todos aqueles lugares da Galiza (e sónchevos varias ducias deles!) nos cales existe ou foi rexistada nalgún momento tradición oral relativa a cidades somerxidas. Se aínda non o coñecedes, podedes darlle unha vista de ollos aquí mesmo, pois vale moito a pena.
Sen entrarmos nas diversas interpretacións de que este tema foi obxecto (hainas para case todos os gostos, como suporedes), no caso galego existen, para alén das variantes observábeis entre os diferentes relatos, certos motivos que se repeten en moitos deles, até tornárense pouco menos que en tópicos recorrentes. O verniz cristián e moralizante que supón a intervención de Xesús Cristo ou dalgún dos seus santos como desencadeantes do cataclismo, cun intuito claramente punitivo, é un deles. Mais tamén os vestixios sonoros que costuman deixar esas malfadadas cidades na actualidade, como as badaladas dos seus sinos, o canto dos seus galos ou o bruar dos seus bois, que se deixan ouvir en datas tan asinaladas coma o San Xoán. E aquí, a estas sobrevivencias, é que queríamos chegar...
