domingo, 5 de outubro de 2025

CANDO GALIZA FOI "CELTINERIA"


Dicía Cunqueiro (si, préstanos moito comezar con Cunqueiro sempre que podemos) que un dos tesouros máis valiosos que unha persoa podía posuír eran os nomes secretos dos países e as cidades, porque "[quen] sabe ise nome faise dono daquel reinado ou daquela vila". Non sei se Galiza contou (ou conta) con algún nome secreto, mais denominacións poéticas e literarias aínda tivo (e ten) uns cantos. E talvez tamén estas sexan, dalgunha maneira, un xeito de nos facermos donos do país, sen necesidade de crípticas maxias que só os iniciados coñecen e dominan. A barroca Galigrecia ou Galogrecia, as románticas Celtia e Suevia... son seguramente as que maior fortuna colleitaron e (sobre todo, e con moita diferenza, as dúas últimas) as que maior popularidade gañaron tamén como sinónimos poéticos do nome da nosa terra. 

Mais houbo outras que pasaron moito máis desapercibidas. E hoxe gustaríame exhumar e tirarlle o po a unha delas, tan eufónica na súa forma como certamente accidental e anecdótica na súa orixe: Celtineria. Si, lestes ben. Non fará falta explicar moito sobre a morfoloxía deste neoloxismo: Celtineria é unha feliz combinación de celta e o nome dos nerios, o pobo céltico ("Celtici cognomine Nerii", chamounos Plinio) que habitou, grosso modo, a área que hoxe adoitamos identificar coa Costa da Morte. Unha etnia cuxo nome perviviu, por falar de todo un pouco, no da comarca de Soneira, como talvez teñamos ocasión de comentar polo miúdo nalgún outro artigo.

Trátase Celtineira, por tanto, dunha designación poética para se referir nun senso lato a todo ese territorio que se desprega entre Fisterra e Malpica, e como tal foi usada (ben que de maneira moi episódica e puntual) por algúns autores desa procedencia nos comezos do século XX. Por exemplo, Pepe Miñones (1900-1936), o empresario republicano corcubionés fusilado no Campo da Rata, utilizouno en varios escritos, coma neste panexírico dedicado ao poeta de Baio, Labarta Posse, no que reclamaba para el unha rúa na súa vila natal:

Una calle que lleve sus apellidos, en aquel pintoresco lugar, orgullo de las tierras de Celtineria, completaría la obra. La Academia gallega, la prensa de La Coruña, Santiago, Pontevedra y Vigo, los Ayuntamientos del partido judicial de Corcubión -cuna del vate- tienen la palabra. Una calle y una lápida no es mucho pedir, para quien tanto merece.

Porén, quen máis explorou este neotopónimo foi sen dúbida o poeta nacionalista Antón Zapata García, nado en Laxe en 1886, mais que emigrou de moi novo a Buenos Aires, onde falecería en 1953. Nos seus poemas de inspiración máis épica e patriótica, claramente debedores do xenio e a cosmovisión pondalianas, Zapata usa Celtineria e as súas variantes gráficas para evocar non só a súa bisbarra natal, senón tamén, por extensión, o conxunto de Galiza. Vese ben neste fragmento:

Zoa, Vento Norte,

zoa, zoa!, ¡zoa!...

O teu canto adúa

co-a rouca ardentía.

¡Xa virá o bo día

que Pondal pregoa,

no que Celtinérea s-erguerá ben forte...!

Ou aínda nestoutro:

Da terra de San Patricio

-da reberte irmán Irlanda-,

sopras, Noroeste, ledicio;

e, bôn Xesús, sobre as ondas

-¡anda!, ¡anda!... ¡que te anda!-,

chegas â Nai Celtineria.

De feito, nalgún dos textos de Zapata, a forma Celtineria chega a sintetizar o ideal atlantista que nesa altura andaba a preconizar Vicente Risco, como reelaboración e mesmo sublimación do vello discurso celtista decimonónico:

Unha gran Celtineria

que abranga dende Irlanda

deica âs irmáns Américas.

Na súa tese de doutoramento, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (da cal extraín os fragmentos anteriores e que podedes ler ou consultar aquí), Arximiro Villar non dubida en lle atribuír a xénese deste topónimo á pura capacidade de invención de Antón Zapata. Non sería raro nin temerario pensar tal cousa, xa que, na súa sincera efusión celtista, o vate de Laxe foi quen de crear aínda outros arriscados e alucinantes neoloxismos, como o brillante celtártabros e similares. Porén, coido que Celtineria non naceu directamente da imaxinación do noso poeta, senón máis ben da temeridade doutro autor nacido bastantes séculos antes ca el. Explícome.

Na súa Historia Naturalis, Plinio o Vello menciona a existencia desas illas que tantos ríos de tinta fixeron correr durante séculos: as Casitérides, as fabulosas illas atlánticas do estaño exploradas (nos dous sentidos da palabra) polos afoutos navegantes fenicios. E di Plinio, máis en concreto, que "[f]ronte á Celtiberia existen numerosas illas, chamadas Casitérides polos gregos por causa da súa abundancia en chumbo (sic)". Esta ubicación, embora laxa e xenérica, foi reproducida e transmitida por outros historiadores posteriores ao trataren sobre as devanditas illas. 

Porén, séculos máis tarde, o humanista Hernán Núñez de Toledo (1478-1553), máis coñecido como "El Pinciano", ao comentar os topónimos e xeografías da obra de Plinio, non puido menos que reparar con estrañeza nesa localización dada para as Casitérides: "[f]ronte á Celtiberia". Como así? Non lle cadraba. Para solucionar esa aparente discordancia, El Pinciano optou simplemente por enmendar a Plinio: tendo en conta que as Casitérides, na súa opinión, debían estar en realidade fronte ás costas habitadas polos antigos nerios, corrixiu "Celtiberia" polo máis congruente "Celtineria". E foi así, de maneira tan sinxela, como naceu o topónimo que hoxe nos ocupa. Un topónimo (cómpre dicilo) que non gozou de excesiva fortuna nas obras dos tratadistas posteriores, que vían tal corrección como unha licenza interpretativa desnecesaria, mais que, como vemos, acabou por gozar dunha discreta pero moi significativa repercusión na nosa literatura.

Persoalmente, coido que os nosos autores deberon saber desa tal Celtineria polas referencias que José Cornide ou Verea Aguiar fixeron a ela nos seus escritos relativos ás Casitérides, como neste fragmento da Historia de Galicia do xurista compostelán:

[E]stuviesen en aquellas islas las minas principales del estaño, ó las hubiese también en islas frente á la Galicia como creen algunos, llegando á colocarlas cerca de Muros y Corcubion (sic), lo que dió lugar á la graciosa correccion que propuso el Pinciano de mudar la palabra Celtiberia en Celtineria.

Espero que me saibades desculpar a verborrea excesiva que investín no que, en puridade, non pasa de ser unha simples anécdota literaria, máis propia dunha nota a rodapé que dun artigo coma este. Mais sirva para reivindicar e (quen sabe!) darlle uso a ese Celtineria cuxa orixe, embora en certa medida bastarda como vimos, non a deslexitima en absoluto como un dos nomes poéticos máis fermosos e sonoros cos que a nosa terra foi louvada e celebrada. Honra a Agustín Zapata, o vate da branca e areosa Laxe, por manter viva a "Nai Celtineria" nos seus textos de alucinado patriotismo céltico, tan representativos daquela época.









Sem comentários:

Enviar um comentário