Na súa visita ao eremitorio da Misarela, no actual concello da Pobra do Caramiñal, o Padre Sarmiento describiu deste xeito tan expresivo aquel lugar afundido entre os barrancos da Serra da Barbanza:
San Juan de la Misarela es uno de los sitios más lóbregos, solos, escarpados y estrechos que se puede imaginar para ermitaños. Ha sido monasterio de benedictinos. Después se dio a franciscanos, pero no pudiendo subsistir allí, se fueron a fundar a la Puebla del Deán.
Mais o noso "preguntón insufríbel" non se limitou a rexistrar as duras condicións en que tiveron que subsistir aqueles ermitáns medievais, senón que recolleu tamén, de maneira sucinta e co seu característico e proverbial escepticismo ilustrado, algúns interesantes fragmentos do folclore vinculado ao lugar:
Del río Barbanza [...] cuentan mil cosas, v.g.: que había allí un pozo sin fondo, en que se veían encantadores etc., y que con truenos se cegó del todo. A la orilla del río se ve una piedra que llaman el Barco, y dicen que en él vino San Juan y otras pataratas similares.
A tal pedra mencionada por Sarmiento aínda existe, embora a tradición máis asentada e difundida tenda a atribuírlla máis ben a San Mauro (ou San Amaro). Se cadra coñecedes a lenda: o santo en cuestión remontaba o río a bordo da súa barca de pedra, fuxindo dos mouros (pagáns) que o perseguían para lle daren morte. Nese momento, a Providencia resolveu botarlle unha man ao coitado santo, e grandes pelouros comezaron a caer polo río abaixo, obstaculizando o avanzo dos perseguidores (de feito, o río en cuestión acabou por tomar o nome de "río Pedras" por causa deste feito prodixioso). Foi grazas a isto que San Mauro deu chegado san e salvo á Misarela, onde fundou o xa mencionado eremitorio.
![]() |
Ilustración de Miguel Robledo sobre as lendas do río Pedras |
O relato encaixa coma unha luva na gramática narrativa característica do folclore sobre santos e barcos de pedra, un tema que tanto proliferou e tan ben se conservou no ámbito irlandés, británico e, sobre todo, bretón. En Galiza tamén inzou, claro, se ben de maneira quizais non tan exuberante, mais o suficiente como para integrar o noso país nesa rede de tradicións haxiográficas atlánticas. Voltarei sobre iso en breve, perdede coidado.
Pero no caso da Misarela hai máis... Anos atrás, Fernando Alonso Romero, o grande pioneiro na investigación destes temas en Galiza, achegouse á barca de San Mauro. Analizouna con vagar, mediuna minuciosamente e chegou a unha conclusión que só se podo cualificar como abraiante: tanto a forma da pedra como as súas proporcións eran idénticas ás dos "currach" de dous remeiros utilizados desde tempos remotos polos pescadores das illas Aran, nos confíns occidentais da Irlanda.
![]() |
Ilustración de Fernando Alonso Romero (Santos e barcas de pedra, 1994) |
Puxando aínda máis o fío, o autor formulou unha hipótese alucinante: tería sido aquela pedra manipulada por misionarios irlandeses para reforzaren un relato (o da navegación prodixiosa en embarcacións líticas) que eles mesmos terían importado e difundido no contexto do seu programa evanxelizador? Isto, evidentemente, implica asumir a presenza de tales misionarios no noso país, algo en absoluto improbábel nin inverosímil, mais infelizmente aínda non documentado.
De feito, Alonso Romero vai un paso alén e aventura a idea de que, en verdade, o folclore das barcas de pedra en Galiza tería sido traído por relixiosos irlandeses ou bretóns, nese período de transición entre o que convencionalmente denominamos "Antigüidade Tardía" e "Alta Idade Media" durante o cal eses personaxes, a medio camiño entre a historia e a mitoloxía popular, estenderon a súa influencia por media Europa Occidental. Claro que o investigador coruñés só tivo en conta na súa análise catro desas historias, sen dúbida as máis populares aínda a día de hoxe: a de Santo André de Teixido, a da Virxe da Barca, a do Apóstolo Santiago e a do propio San Mauro da Misarela, que consideraba os únicos exemplos existentes dese tema na nosa terra. Hoxe, porén, sabemos que estas narracións estiveron e están presentes en máis lugares de Galiza, aínda que, segundo parece, circunscritas á nosa costa setentrional e, en menor medida, á beira atlántica, un matiz xeográfico que incluso podería apontoar máis aínda esa hipótese da orixe esóxena destas historias. No mapa que podedes consultar aquí deime ao traballo de recompilar os relatos deste tipo dos que teño coñecemento no noso país, bastantes máis dos invocados por Alonso Romero, e probabelmente bastantes menos dos que nalgún momento chegarían a existir e circular entre nosoutros.
![]() |
O mastro da barca de pedra de San Enéour (Bretaña) |
O certo é que non admiraría en absoluto que os misionarios irlandeses que se aventuraron polo continente europeo adiante (e até a mesmísima Islandia, da cal foron seguramente os seus primeiros poboadores) no seu labor evanxelizador tivesen vido a recalar tamén na Gallaecia. As fluídas relacións entre as igrexas hispana e irlandesa, a (re)activación de vellas redes comerciais, a evidencia do enclave britoniense... outórganlle, cando menos, un grao importante de verosimilitude a tal hipótese, e autorizan a traballar seriamente con ela. Ademais, a importación de estruturas narrativas procedentes das Illas Británicas e Irlanda non debeu ser en absoluto anecdótica: velaí o imramm de Trezenzonio (do cal xa temos falado aquí) ou incluso, segundo suxiren con non pouca perspicacia algúns autores, o propio ciclo xacobeo.
De feito, case cen quilómetros máis a norte do eremitorio da Misarela, entre os cantís da Costa da Morte, existe outro emprazamento no cal a conexión entre a presenza irlandesa (neste caso documentada) e o folclore atlántico parece tamén moi verosímil. Estou a falar, concretamente, de Corme. Mais, para falarvos diso, vou comezar por onde cómpre: polo principio.
Sabido é que a tradición adxudica a San Patricio a cristianización de Irlanda, unha empresa na que o santo se aplicou con entusiasmo e sen reparar en milagres e prodixios de todo tipo. Entre os máis célebres e persistentes no imaxinario e iconografía nacionais da illa está, evidentemente, o da expulsión das serpes, lanzándoas ao mar. Esta lenda, porén, é antiga e, antes de se lle atribuír definitivamente a San Patricio, xa tivera outros protagonistas. De feito, a primeira mención ao actual patrón de Irlanda erradicando as cobras é relativamente serodia, pois aparece na Topographia Hibernica, de Xeraldo de Gales (Giraldus Cambrensis), texto redixido por volta de 1188, en pleno proceso de despregamento do novo poder anglo-normando en Irlanda. Cómpre dicir, así e todo, que o autor se mostraba moi escéptico coa historia: segundo el, na verdade nunca en Irlanda houbera serpes (e hoxe sabemos que, efectivamente, é certo!), algo que el, como bo propagandista ao servizo das novas elites anglo-normandas que asumían un proxecto civilizador sobre un país alegadamente salvaxe, atribuía "ás propias deficiencias da illa" (sic).
![]() |
San Patricio expulsando as serpes / Ilustración de Jim FitzPatrick |
Ora ben, temos que lembrar que relatos idénticos sobre santos que expulsan os ofidios (metáfora da erradicación do paganismo?) danse en todo o vello Arco Atlántico: San Maudez fixo o propio en Enez Maudez (Bretaña), Santa Hild en terras da actual Nortumbría... e, en Galiza, o noso gran de area a esta peculiar corpus narrativo está protagonizado por San Adrián, que, conforme á lenda máis difundida, chegou por mar ás terras do actual Bergantiños para evanxelizala. Di a copla popular que "San Adrián é barqueiro, que leva o remo na man..." e iso deseguido nos dispara a imaxinación, sen dúbida. Sexa como for, temos ante nós máis un membro desa extensa nómina de santos e santas que chegan ao noso país por mar, con todo o que iso implica. O caso é que San Adrián encontra o país asolado pola proverbial praga de serpes. Petando co seu báculo no chan, obrígaas a se bateren en retirada e encérraas debaixo da Pedra da Serpe, en Gondomil (Corme), un dos monumentos máis coñecidos, fotografados e suxestivos da nosa xeografía mítica.
![]() |
A Pedra da Serpe (Gondomil, Corme) / Autoría descoñecida |
Os paralelismos co relato de San Patricio non se esgotan aquí: ao noso San Adrián escapoulle viva unha cobra, mais el, dándolle alcance, pisouna co pé, ficando o animal petrificado de vez (e seica nas inmediacións do santuario dedicado ao santo en Malpica aínda se pode ver, coa maré baixa, a tal serpe de pedra). Pois ben, outro tanto lle aconteceu a San Patricio, se ben neste caso a serpe rebelde e fuxitiva obtivo acubillo no lago Derg, desde onde cometería maldades e atrocidades sen número contra os habitantes da rexión até que outro santo, anos máis tarde, foi quen de a vencer. Mais esa é outra historia!
Ben, esta estrutura común podería ser casual? Podería. Poderíase deber a un substrato cultural común, particularmente resistente no noso caso? Tamén, xaora. Agora ben, hai un detalle que me fai pensar en que a conexión talvez sexa maior e máis estreita do que se podería pensar. E é que a Pedra da Serpe de Corme encóntrase á carreiriña dun can da praia da Ermida. Fronte a este areal encontramos a illa da Estrela, onde, como o propio topónimo denota, existiu unha capela ou oratorio do cal aínda se conservan algúns restos.
![]() |
A Illa da Estrela (Corme) / Fonte: La Voz de Galicia |
Non menos curioso é que, segundo documentos do século XVI, a capela foi construída por "un obispo yrlandes" (sic) que levou nela unha vida eremítica e foi soterrado na propia illa após a súa morte. Houbo quen pensase nalgún eclesiástico fuxido das persecucións político-relixiosas desatadas en Irlanda nos séculos XVI e XVII, mais, persoalmente, non me ten moito sentido. Aqueles relixiosos eran acollidos pola Igrexa galega, mantendo en moitos casos a xerarquía e dignidade que traían canda eles (algúns, coma o bispo Thomas Walsh, mesmo gozando do privilexio de ser soterrado na Capela das Reliquias da catedral compostelá), e levando, en xeral, unha vida relativamente desabafada. En cambio, o carácter eminentemente eremítico e ascético atribuído polo texto a ese personaxe asentado na illa da Estrela parece conectalo máis ben cun tempo e un contexto moito máis antigos: os dos misionarios irlandeses que percorrían as autoestradas do Atlántico propagando a súa particular versión do cristianismo, e todo o aparato simbólico e iconográfico vinculado á mesma.
Recapitulando: tendo en conta o dito, terán sido eles, os misionarios irlandeses, os que, após asentárense neste humilde illote da Costa da Morte, introduciron o relato da expulsión das serpes, replicando un modelo narrativo que coñecían perfectamente e xerando así unha xeografía mítica homologábel á dos relatos que nel se basearon?
![]() |
Ilustración do Rev. Denis O'Donoghue na obra Saint Brendan the Voyager |
Certamente habería que pescudar máis (moito máis, de feito), mais o que sabemos tanto do alucinante currach pétreo da Misarela como da conexión irlandesa da illa da Estrela e o relato de San Adrián podería ser un bo punto de partida para afondar nunha idea que, en principio, a ninguén debería sorprender nin moito menos escandalizar: a integración activa dun territorio como a vella Gallaecia nas mestas redes culturais e relixiosas que os irlandeses, desde o seu luminoso reduto insular, conseguiron tecer naquela Europa Atlántica dos séculos V e VI da nosa era.
Sem comentários:
Enviar um comentário