domingo, 28 de fevereiro de 2021

NOS PRIMORDIOS DO CELTISMO MUSICAL: UN CORO CORUÑÉS NA BRETAÑA


 

Embora no noso país fose obxecto de debates e polémicas de carácter nominalista nas cales os galegos somos consumados expertos, ninguén pode dubidar que a chamada "música celta" foi (e continúa a ser, aínda que en menor medida nos últimos tempos) unha ferramenta de inestimábel valor na actualización e difusión internacional do noso folclore. Mais, contrariamente ao que moita xente costuma pensar, este fenómeno musical e cultural (que nos permite estar presentes en cenarios tan conceituados coma o Festival Interceltique de Lorient ou o Celtic Connections, por exemplo) non é algo recente na Galiza. Non nasce, nen moito menos, con Carlos Núñez. Nen sequer con Milladoiro ou Emilio Cao, pioneiros do folque galego na década de 70 do século pasado. Non, en realidade, para termos unha visión cabal e completa da cuestión, temos de recuar un pouco máis no tempo, e até facer unha pequena viaxe no espazo.

sexta-feira, 12 de fevereiro de 2021

A SEREA RESILIENTE: UNHA DE CIDADES SOLAGADAS

Ilustración de P. J. Lynch na obra The haunted lake (2018)

 

Ben sabido é que un dos temas máis férteis e omnipresentes da mitoloxía galega (e un dos nosos preferidos, temos de recoñecer) é o das cidades solagadas, engolidas por lagos, lagoas ou polo mesmísimo mar embravecido nunha soa noite de tempestade. Un tema, ademais, que inzou especialmente por toda a beira atlántica europea, pois conéctanos co imaxinario de territorios como a Bretaña, Irlanda ou Gales. De todos os xeitos, atreveríamonos a dicer que o grau de conservación deste folclore no noso país é sensibelmente maior ao dos nosos viciños de alén Estaca de Bares. Polo menos en termos cuantitativos. De facto, por aí fóra fican bastante chocados cando lles mostramos mapas como o elaborado hai uns anos pola cooperativa MAOS, que recolle todos aqueles lugares da Galiza (e sónchevos varias ducias deles!) nos cales existe ou foi rexistada nalgún momento tradición oral relativa a cidades somerxidas. Se aínda non o coñecedes, podedes darlle unha vista de ollos aquí mesmo, pois vale moito a pena.

Sen entrarmos nas diversas interpretacións de que este tema foi obxecto (hainas para case todos os gostos, como suporedes), no caso galego existen, para alén das variantes observábeis entre os diferentes relatos, certos motivos que se repeten en moitos deles, até tornárense pouco menos que en tópicos recorrentes. O verniz cristián e moralizante que supón a intervención de Xesús Cristo ou dalgún dos seus santos como desencadeantes do cataclismo, cun intuito claramente punitivo, é un deles. Mais tamén os vestixios sonoros que costuman deixar esas malfadadas cidades na actualidade, como as badaladas dos seus sinos, o canto dos seus galos ou o bruar dos seus bois, que se deixan ouvir en datas tan asinaladas coma o San Xoán. E aquí, a estas sobrevivencias, é que queríamos chegar...